‘As Elixidas’ reunirá na Coruña a alcaldesas e concelleiras de África, Brasil e Galicia

‘As Elixidas’ reunirá na Coruña a alcaldesas e concelleiras de África, Brasil e Galicia

‘As Elixidas’ reunirá na Coruña a alcaldesas e concelleiras de África, Brasil e Galicia 2560 2560 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ reunirá os días 10 e 11 de decembro na Coruña a alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do Estado co fin de poñer en valor o papel das donas no poder local e compartir os desafíos que enfrontan. O Pazo de María Pita e o Palexco acollerán este espazo de sororidade, diálogo e colaboración organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Promover a participación das mulleres na política, especialmente no ámbito municipal, e tecer alianzas para solventar os retos que supón este liderado é o obxectivo das xornadas, dado que en todos os países participantes hai un déficit de representación feminina na toma de decisións. En Galicia mesmo, de 313 concellos tan só 71 contan cunha alcaldesa á fronte. A participación política das mulleres é imprescindible para avanzar na igualdade de xénero e para a consolidación da democracia, de aí que sexa necesario facilitar a súa incorporación aos postos de mando na esfera pública, a fin de mellorar os procesos de gobernanza.

As políticas locais sobre vivenda, seguridade, transporte ou economía afectan á vida de todas as persoas, por iso é fundamental a presenza das mulleres na elaboración das mesmas, a fin de aplicar un enfoque de xénero que teña en conta as súas necesidades e que aborde cuestións específicas como a violencia machista. Deste xeito, o programa de ‘As Elixidas’ achegarase ao rol das mulleres no impulso de políticas públicas a prol da equidade de xénero, as metas e desafíos que atopan na política municipal ou o potencial das asociacións de concelleiras e alcaldesas, como a Rede de Mulleres Electas Locais de África (REFELA), amais de incluír un obradoiro sobre ferramentas para afrontar as violencias políticas.

O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ alíñase así coa meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”. Ademais, o evento coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!’, lembrándonos que “todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública”. As interesadas en asistir ás xornadas ‘As Elixidas’ teñen ata o 3 de decembro para inscribirse no formulario.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información