A Tropa de Trapo iniciou onte en Muros a xira do novo espectáculo ‘Catro monos’, que recalará en diversos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actuación desenvolveuse no Centro Cultural e Xuvenil, dentro da programación do XIII Mostra de Teatro ‘Xosé Agrelo’. A compañía mestura narración oral, música ao vivo e teatro de obxectos para facer reflexionar ao público sobre como nos relacionamos entre nós e co medio.
‘Catro monos’ é un espectáculo para pensar, para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible. A proposta dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que nos levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara, etc. Todo cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe. Ademais de Muros, o espectáculo chegará proximamente a Viana do Bolo, Alfoz, Rianxo ou Cabanas.
A Tropa de Trapo
Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.