O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de ampliar o prazo para presentar propostas ao II Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’, financiado polo Concello da Coruña. O certame encádrase no convenio acordado entre as partes para destinar 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades. A saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e mais as cidades e comunidades sostibles serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 28 de outubro.
Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a segunda edición de ‘Muros que unen’ centrarase en catro deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar.
Trátase do ODS3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades, o ODS4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas, o ODS5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas, e mais o ODS11: Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sustentables. O ano anterior xa se representaran nas rúas da cidade tanto o obxectivo número 5 coma o ODS1, a prol da loita contra a pobreza.
Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada ODS. Ademais, as persoas gañadoras representarán o seu mural nun espazo da cidade ofertado pola organización, que tamén facilitará os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse en www.fondogalego.org. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. As dúbidas poden consultarse no teléfono 986 843 436 ou no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org.