A ONGD Amigos da Terra desenvolveu o pasado mércores no Espazo de Lecer de Manzaneda un obradoiro de compostaxe promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da cal o Concello é socio. Dar a coñecer a alternativa da compostaxe como modelo de xestión dos refugallos económica, ecolóxica e socialmente sustentable era o obxectivo desta actividade de sensibilización na que se montou un composteiro, se proxectaron vídeos prácticos e se instalou unha exposición explicativa.
A materia orgánica supón preto do 50% dos residuos sólidos urbanos, de xeito que causa graves prexuízos ambientais ao tempo que se desaproveita un recurso valioso susceptible de empregarse como abono natural, substituíndo os fertilizantes químicos. Unha proposta de baixo custo especialmente interesante no rural.
Durante a sesión informativa e formativa tamén se analizaron de xeito crítico as problemáticas derivadas do actual modelo de xestión dos residuos e se puxeron de relevo as vantaxes da compostaxe. Trátase dun método sinxelo e barato, que reduce á metade a materia orgánica desbotada e, polo tanto, os seus efectos contaminantes e os custos do seu tratamento a nivel municipal. Pódese empregar como fertilizante, corrector da estrutura do chan, protector contra a erosión ou substrato de cultivo, evitando contaminar con agroquímicos.
Proxecto en Nicaragua
O Fondo Galego apoiou o ano pasado unha iniciativa promovida por Amigos da Terra en Nicaragua para impulsar a protección medioambiental de dúas reservas naturais no Golfo de Fonseca, un dos ecosistemas máis representativos de Centroamérica. O proxecto de cooperación internacional incluíu actividades formativas e de concienciación, amais da achega de equipamentos e a reforestación do mangleiro.