Amigos da Terra e o Fondo Galego apostan pola protección medioambiental en Nicaragua

Amigos da Terra e o Fondo Galego apostan pola protección medioambiental en Nicaragua

Amigos da Terra e o Fondo Galego apostan pola protección medioambiental en Nicaragua 1199 807 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoia en Nicaragua a xestión ambiental de dúas áreas protexidas a través dun proxecto subvencionado a Amigos da Terra con 20.000 euros, unha actuación que se fai pública coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe. A ONGD ecoloxista traballa coa fundación nicaraguana Líder no fortalecemento das capacidades locais para a conservación das reservas naturais do volcán Cosigüina e do delta do Estero Real, ambas as dúas no Golfo de Fonseca, un dos ecosistemas máis representativos de Centroamérica.

Para acadar este obxectivo e contribuír así ao desenvolvemento sostible da zona, estase a formar ao persoal tanto das oficinas ambientais das municipalidades de El Viejo e Puerto Morazán como dos Comités de Manexo Colaborativo de senllas áreas protexidas, que están integrados polos principais actores locais, os propios gobernos municipais e mais os líderes e lideresas das comunidades afectadas. Tamén se lles dotará das ferramentas necesarias, coma equipos informáticos ou GPS.

Ao tempo, melloraranse os plans operativos das reservas e iniciaranse as accións contempladas neles, entre as que destaca a reforestación do manglar, que é clave para manter a biodiversidade. Asemade, sensibilizarase as lideresas e líderes locais implicándoos en diferentes campañas ambientais, feiras, charlas ou obradoiros e tamén se editarán folletos e outros materiais para visibilizar a problemática e concienciar sobre a protección do medio.

Nunha zona onde a maior parte da poboación vive na extrema pobreza, o proxecto busca involucrar as comunidades na xestión sostible dos recursos naturais, que mesmo teñen valor turístico. A iniciativa contempla tamén o enfoque de xénero, ao promover a participación das mulleres na toma de decisións. Amigos da Terra leva traballando no sector nicaraguano do Golfo de Fonseca desde 2004, ano en que iniciara o seu labor na zona co apoio do Fondo Galego.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información