A Responsable de Relacións Públicas e Contidos do Comité Español de ACNUR foi a convidada do encontro dixital do mes de xuño, celebrado o pasado venres 27 nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no marco do programa #Alén2015 para invitar á reflexión en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Na conversa, abordáronse temas que atinxen ao propio labor da organización, así como aos máis de 50 millóns de refuxiados e desprazados que existen no mundo.
Amaia Celorrio (San Sebastián, 1982) é Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Navarra e especializada en Relacións Internacionais. Comezou a súa actividade profesional en varios medios de comunicación e nos gabinetes de diversas empresas, así como na Embaixada de España en Londres. Foi responsable e coordinadora do departamento de comunicación da ONG Ayuda en Acción.
1.Informan os medios de comunicación axeitadamente sobre as persoas refuxiadas e as causas dos desprazamentos? Que opinión che merecen os Días Internacionais para chamar a atención mediática sobre un tema?
Na miña opinión, debido á inmediatez da información (e a falta de tempo nas redaccións en moitos casos para tratar as noticias en profundidade, indo ás causas), así como a cada vez menor presenza de corresponsais/xornalistas experimentados en diferentes países, fai que en moitos casos non se explique a fondo nin quen son os refuxiados, nin cal é a súa realidade nin por que se producen os desprazamentos. Aínda que tamén é verdade que hai algúns medios que tratan estes temas con moita profundidade, analizando causas e consecuencias. Afortunadamente, a realidade das persoas refuxiadas, a pesar de todo, é cada vez máis coñecida.
En canto aos días internacionais, a miña experiencia é que serven para chamar a atención, e que os medios -e como consecuencia os cidadáns-, coñezan máis de preto unha realidade. Nós celebramos o Día Mundial do Refuxiado xusto hai unha semana, o 20 de xuño, e é verdade que é unha data na que os medios se envorcan en ofrecer información sobre todos estes millóns de persoas que están desprazadas no mundo.
O marco no que se organizan os encontros dixitais #Alén2015 ten como fundamento xerar un debate en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Que balance facedes dos ODM desde o Comité Español de ACNUR e que recomendacións suxerides para a Axenda Post 2015?
Hai que dicir que as persoas refuxiadas e desprazadas a causa da violencia, máis de 51 millóns actualmente, se encontran entre as máis vulnerables do mundo. E que con frecuencia, quedan fóra das estatísticas sobre a consecución dos ODM en cada país e, non obstante, cada un deses obxectivos reclama directamente unha solución ás dificultades ás que se enfrontan cada día as persoas refuxiadas, e especialmente as mulleres e nenas, en campos de refuxiados e en zonas urbanas, ao longo e ao ancho do planeta. A Declaración do Milenio pide que se protexa e asista aos refuxiados, que se comparta esa responsabilidade a nivel mundial e que se axude ás persoas desprazadas a regresar aos seus fogares. Ao respecto, moitas das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio teñen un significado inclusive maior para os superviventes de conflitos e de persecución.
A pesar dos logros conseguidos nalgúns países, os conflitos armados seguen expulsando as persoas dos seus fogares, a miúdo deixándoas en situacións precarias. A finais de 2013, aproximadamente 51 millóns de persoas de todo o mundo seguían desprazadas á forza debido a conflitos ou por persecución. A cifra máis alta dende a 2ª Guerra Mundial. E son as rexións en desenvolvemento as que soportan a carga máis pesada recibindo as poboacións desprazadas. Por iso é moi importante seguir traballando pola consecución dos ODM e incluír a todos os refuxiados e desprazados nas estatísticas.
3. Que labores concretos realizades para asistir aos refuxiados dos países nos que estades activos? Encontrades o apoio dos organismos internacionais?
ACNUR traballa en 126 países no mundo e o seu principal obxectivo é protexer e e asistir aos refuxiados e desprazados, así como buscar solucións duradeiras. Este traballo abrangue sectores como o aloxamento e as necesidades básicas, nutrición e atención médica, xeración de ingresos, auga e saneamento, educación, asistencia legal e protección… É un traballo moi complexo no que ACNUR traballa cóbado con cóbado con moitas organizacións internacionais, nacionais e locais. Na emerxencia en Siria, por exemplo, ACNUR coordina o traballo de máis de 120 ONG.
4. Como afecta a actual crise á axuda que se presta dende España?
A actual crise que está a vivir en España afectou desde o punto de vista dos fondos públicos, que se viron reducidos, pero tamén teño que subliñar a enorme solidariedade da poboación española, que a pesar da situación que está a vivir, segue a colaborar con diferentes ONG, entre elas, a nosa. Nós medramos e seguimos medranndo estes últimos anos. É certo que as necesidades son maiores (temos o triste récord de 51,2 millóns de persoas refuxiadas e desprazadas no mundo), pero tamén o cada vez maior apoio da sociedade española. Desde aquí quero aproveitar para dar as grazas a todas as persoas que a pesar da crise seguen colaborando desinteresadamente coas ONG. Sen elas, o noso traballo non sería posible.
5. En situacións de emerxencia humanitaria onde as distintas potencias intentan posicionarse no terreo para sacar vantaxes xeopolíticas, que papel ten ACNUR para evitar esta confrontación de intereses?
A prioridade de ACNUR son as persoas, é dicir, os refuxiados e desprazados internos e por iso son os seus intereses os que sempre se priman, non os das distintas potencias. Ademais, o 98% dos fondos de ACNUR para as súas operacións anuais procede de contribucións voluntarias, o que permite que teña independencia á hora de actuar.
En canto á Axenda de Desenvolvemento Post 2015, ACNUR fixo reiterados chamamentos para que inclúan disposicións que teñan plenamente en conta as necesidades dos desprazados internos e das súas comunidades.
6. Cales son as manifestacións máis frecuentes nos refuxiados a nivel psicolóxico? Hai profesionais cualificados nos campos de refuxiados pra atendelas?
Estas persoas foxen porque son perseguidas, a súa vida corre perigo ou sufriron unha catástrofe natural, perdéndoo todo, e despois de en moitos casos, ser testemuñas dunha violencia brutal. E si, en moitos casos sofren graves traumas. ACNUR leva a cabo proxectos de apoio psico-social, para que estas persoas poidan superar todo o que viviron. Como sinalas, hai profesionais cualificados nos campos. Aquí podedes ver, por exemplo, os traumas da guerra de Siria. Por iso levamos cunha campaña en marcha dende hai uns meses, 'Todos temos unha ferida aberta en Siria', para intentar achegar aos españois a realidade de máis de 9 millóns de persoas que o perderon todo, e que necesitan axuda urxente, entre outros, apoio psicolóxico, pero, tamén un lugar onde durmir, comida, auga, atención sanitaria, educación…
7. Non cres que a ONU debería facer máis para evitar a situación dos refuxiados?
Na miña opinión, a ONU está composta por países, cos seus intereses, e teñen que se pór de acordo. No caso de ACNUR, como dicía, a súa misión está moi clara (protexer e asistir aos refuxiados e desprazados), e eses son os intereses que priman. A prioridade son as persoas.
8. Moitas veces empregades imaxes de nenas e nenos para as vosas campañas. É unha forma de chegar máis á xente? Non existen outras alternativas? Poderías falar un pouco das campañas que tedes agora activas?
Aproximadamente o 50% dos refuxiados desprazados son nenos e nenas, en moitos casos, menores de 12 anos. É unha realidade e é por iso polo que os incluímos nas nosas campañas, obviamente, co consentimento das súas familias.
En canto ás nosas campañas, no Comité español de ACNUR estamos principalmente centrados na emerxencia en Siria. Xa hai máis de 2,8 millóns de refuxiados en países veciños (Xordania, Líbano, Turquía, Exipto, Iraq…) e máis de 6,5 millóns de persoas están desprazadas dentro de Siria. En total son máis de 9 millóns de persoas que precisan axuda. E a cifra segue crecendo. Por iso vos animo a que coñezades a campaña que realizamos con Luis Tosar, Anne Igartiburu e Melani Olivares, que mencionaba nunha das respostas (www.heridasiria.org), xa que a situación en Siria e en países veciños é dramática.
Pero tamén nos estamos a centrar en enviar fondos a Sudán do Sur (onde xa hai máis de 1,5 de millóns de desprazados internos e 387.131 refuxiados), a República Centroafricana (542.400 desprazados e 378.277 refuxiados), a República Democrática do Congo (máis de 2,6 millóns de desprazados e 440.501 refuxiados). Toda a información se pode encontrar na nosa web, www.eacnur.org.
9. Cres que ante a grave crise humanitaria de refuxiados que se está a dar a raíz do conflito en Siria, principalmente cara a Turquía, Líbano, Xordania, así como o actual caos en Iraq, podería dicirse que esta crise humanitaria exerza un efecto xeopolítico aínda máis pernicioso, como a alteración de fronteiras nacionais, entre as diversas comunidades?
Como ben sinalas, a guerra en Siria tamén está a afectar aos países veciños, que mantiveron as fronteiras abertas. Líbano, por exemplo, xa acolle máis de 1 millón de refuxiados sirios. Tendo en conta que a súa poboación é de preto de 4 millóns, é coma se a España viñesen 10 millóns de refuxiados. O impacto foi enorme. O país experimentou graves repercusións económicas debido ao conflito en Siria, incluíndo a caída no comercio, o turismo e o investimento, así como o aumento no gasto público. Os servizos públicos teñen dificultades para satisfacer a crecente demanda, sendo os servizos de saúde, educación, electricidade, auga e saneamento os que se están a ver especialmente afectados. O Banco Mundial estima que a crise de Siria supuxo ao Líbano un custo de 2.500 millóns en perdas de actividade económica durante 2013.
E o mesmo acontece en Xordania, Turquía, Iraq, Exipto… xerando moita inestabilidade na zona. Por iso, é máis importante que nunca que axudemos a estes países de acollida e que a comunidade internacional aumente de forma significativa os seus esforzos para facer fronte ao crecente impacto humanitario desta crise: http://ir.gl/e57dc5.
9. Que opinades da sensación que ten a sociedade en relación ao sistema de captación de socios a pé de rúa a modo de comerciais? Á sociedade resúltalle agresivo e pode consideralo unha metodoloxía empresarial contraditoria cos obxectivos da organización.
Como comentaba, o noso obxectivo é enviar fondos aos proxectos de ACNUR en todo o mundo, para cubrir as necesidades das persoas refuxiadas e desprazadas, e é certo que unha das formas de captación que utilizamos é a captación en rúa (tamén captamos fondos online, a través do teléfono, TV, SMS, entrevistas, campañas, etc.). Para nós estar na rúa é clave porque nos permite falar cos cidadáns, explicarlles mellor quen son os refuxiados, que é o que facemos e, se lles interesa, fanse socios. Permítenos un contacto directo que sempre intentamos que non sexa agresivo nin que moleste a ninguén. E se recibimos algunha queixa, tomamos cartas no asunto.
10. Entendo que o traballo cos refuxiados está máis preto, dentro do "continuum humanitario", da axuda humanitaria ou de emerxencias que da cooperación ao desenvolvemento. Iso implica unhas necesidades concretas a ser cubertas o antes posible e, polo tanto, unha necesidade de captación de fondos máis urxente (e máis cos recortes en políticas públicas que, como mencionabas, se veñen dando). A miña dúbida é, esta prema non fixo que se entrase nunha escalada de "acoso" para que as persoas doen apelando á súa caridade máis que ao seu sentido da responsabilidade, e ás súas emocións (con uso indiscriminado de famosos, que igual non debería ser o cebo habitual porque cae no doado e o doado é sempre o que permanece) máis que ao seu sentido ético?
Como sinalas, as crises de refuxiados e desprazados esixen respostas inmediatas, pero tamén se dilatan no tempo as solucións, e esixen traballo a medio e longo prazo. Un dos obxectivos de ACNUR é buscar solucións duradeiras a todas estas persoas, que poden ser, que cando o conflito/desastre natural se solucione, volvan aos seus países; que sexan reasentados nun terceiro país ou que se integren no país que os acolleu. Por iso, desde o Comité español de ACNUR sempre intentamos explicar cales son as problemáticas/necesidades e que podemos facer nós, desde un enfoque de dereitos, non de caridade. Como ben sinalas, é unha cuestión de responsabilidade porque todas estas persoas teñen dereitos, ao igual que nós.
11. Desenvolve ACNUR algún tipo de relación para axudar as vítimas dos territorios ocupados de Palestina ou na República do Sáhara? En case de resposta afirmativa, cren que é posible a cooperación e o desenvolvemento con estas iniciativas sen posicionarse abertamente?
Pola complexidade da situación, existe unha axencia específica para os refuxiados palestinos, a UNRWA. Déixoche a ligazón ao Comité Español de UNRWA: http://www.unrwa.es. En canto ao Sáhara, ACNUR traballa de forma coordinada cos gobernos marroquí e alxeriano, e a Fronte Polisaria. Entre outros, ACNUR ten un programa de xeración de medidas de confianza para facilitar as visitas familiares entre as persoas refuxiadas que viven nos campamentos próximos a Tinduf (Alxeria) e as súas familias no Sahara Occidental.
12. Respecto ao tema do Sáhara que mencionaron antes, como vedes a evolución nos últimos tempos cara a unha desesperanza nunha resolución do conflito nos propios campamentos? Detectades que se pode volver ao conflito armado, ou mesmo de que poida ser foco de extremismos que ata agora non existían?
As situacións de refuxiados, en moitos casos, como o do Sáhara pero como tamén por exemplo os refuxiados somalís en Kenia ou os refuxiados de Mianmar en Tailandia, e moitas máis, son situacións que se están a alongar moito no tempo. Un refuxiado pasa de media máis de 13 anos nun campo de refuxiados. E é normal que a situación leve moitas persoas á desesperanza, xa que a vida do refuxiado/desprazado é moi dura. Ninguén elixe ser un refuxiado.
Neste vídeo por exemplo esta refuxiada de 75 anos conta como leva 18 anos no exilio e como quere volver o seu país. E a súa historia repítese en centenares lugares do planeta. Cando tiven a oportunidade de visitar campos de refuxiados, cando lles preguntei cal era o seu anhelo sempre respondéronme, sexa no país que sexa, que é volver o seu país, ao seu lugar de orixe. Pero é certo que nalgúns casos, moitas destas persoas ven esa posibilidade moi afastada, sobre todo, as persoas máis anciás.
13. Gustaríanos saber "o peso" que teñen as mulleres e as nenas no cómputo global de persoas refuxiadas. E tamén, que dificultades engadidas viven polo feito de seren mulleres e como traballades dende ACNUR neste senso.
Preto do 51% das persoas refuxiadas e desprazadas son mulleres e nenas. Cada día é unha loita para a muller e nena refuxiada que inicia a súa xornada facendo cola para conseguir auga; son as mulleres e nenas as que teñen que percorrer a pé varios quilómetros en busca de leña e é a muller quen espera días e noites nos centros de alimentación dos campos de refuxiados mentres atenden aos seus fillos que sofren desnutrición. Sen contar coa protección dos seus fogares, os seus gobernos e en moitos casos das estruturas familiares tradicionais, as mulleres encóntranse con frecuencia en situacións de vulnerabilidade, sendo á súa vez o motor principal da familia e a economía das súas comunidades.
ACNUR é consciente de que as mulleres e nenas refuxiadas, pola súa natureza e circunstancias, teñen unhas necesidades específicas, e por iso desenvolve proxectos para garantir a asistencia das nenas á escola, a capacitación e actividades que xeren ingresos e proxectos sanitario-preventivos. Ademais fomenta que as mulleres participen na planificación e a distribución da axuda, que é moi importante. Déixovos un documento de ACNUR sobre a protección das mulleres e nenas.