Arredor de 80 lideresas municipais participan no Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ que deu comezo esta mañá na Coruña, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos. Durante dúas xornadas, alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia ou Mallorca porán de relevo a necesidade de impulsar a participación política das mulleres e de derrubar as barreiras coas que se atopan. O evento está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Tras unha visita guiada ao Pazo de María Pita para a delegación internacional, a sesión de apertura arrincou no Salón de Plenos coa benvida de Marga Figueroa, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego e concelleira de Oleiros. “Neste encontro temos a oportunidade de intercambiar experiencias, escoitarnos, aprender unhas das outras e contribuír así a visibilizar o dereito á participación plena e efectiva das mulleres en todos os ámbitos de decisión da vida pública”, apuntou no seu discurso, e indicou que “sendo as mulleres a metade da poboación mundial, no ámbito local só acadamos o 35% da representación”.
Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa, salientou que “malia as diferenzas entre países, compartimos o obxectivo común de construír sociedades máis xustas e igualitarias”, pois “a igualdade non está garantida, queda moito por facer e unidas podemos superar estes obstáculos”, engadiu.
Na mesma liña, a deputada provincial Rosa Ana García destacou o feito de que “canto máis altos son os postos de liderado, menos mulleres hai”, polo que “as mulleres electas temos que seguir derrubando fronteiras para que as que veñen detrás ocupen postos de responsabilidade, subliñou. Así mesmo, a vicepresidenta executiva da Fegamp e alcaldesa de Betanzos, María Barral, manifestou que “nos concellos galegos houbo avances, pero a representación aínda está moi lonxe de ser paritaria”, pois pese a que nas últimas dúas décadas se pasou de 18 a 70 alcaldesas, estas só gobernan ao 32,6% da poboación.
O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ continúa esta tarde no Palexco coa mesa ‘As mulleres na toma de decisións no ámbito local: metas e desafíos’, na que intervirán Leticia Santos e Uxía Oviedo, alcaldesas de Moaña e Maceda, respectivamente. Canda elas estarán Jovial Sentina, rexedora do municipio mozambicano de Homoíne, e Maria Clara Rodrigues, representante de Praia, capital de Cabo Verde. A xornada pecharase cun obradoiro sobre ferramentas para afrontar as violencias políticas.
Os debates retomaranse mañá martes ás 9:30 horas co panel ‘Mulleres no poder local: promotoras de políticas de equidade de xénero’, no que intervirán Elcione Ramos, alcaldesa de Igarassu (Brasil); Geraldina Bonifácio, rexedora de Boane (Mozambique); Dora Pires, presidenta da Asemblea Municipal de São Vicente e deputada nacional de Cabo Verde, e mais Rocío López, concelleira da Laracha.
Ás 11:15 horas iniciarase o derradeiro coloquio, baixo o título ‘A sororidade como ferramenta: O rol das redes de mulleres electas no ámbito local’, con Maria Helena Langa, en representación da Rede de Mulleres Electas Locais de África (REFELA), e Helena Bandeira, presidenta da Rede das Mulleres Autarcas de Mozambique. Falarán tamén Margalida Fullana, por parte do Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, e Aline Martins, técnica da Frente Nacional de Prefeitas e Prefeitos de Brasil.
A seguir desenvolverase a conferencia maxistral ‘Imaxina ser humana’, impartida pola coordinadora da Área Social da Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), Princesa Peixoto. O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ concluirá coa lectura e sinatura da Declaración da Coruña e coa sesión de clausura, a cargo da concelleira herculina Nereida Canosa e de Lara Fernández, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e edil do Concello de Viveiro.
ODS 5: Igualdade de xénero
O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ alíñase coa meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”. Ademais, o evento coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!’, lembrándonos que “todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública”.