A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) impartirá dez obradoiros de radio sobre música e Dereitos Humanos noutras tantas Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O obxectivo é contribuír á formación das e dos participantes en valores solidarios, fomentando á vez as súas habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento.
Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar un programa de radio no que se busca reflexionar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e dos DDHH mediante a música. O apartado musical pode complementarse con entrevistas, enquisas na rúa ou outras pezas arredor da mesma temática.
As destinatarias e destinatarios da actividade, que serán un máximo de 15 por taller, son estudantes de 5º e 6º curso de Primaria ou ben de 1º e 2º da ESO. No entanto, tamén pode tratarse de asociacións de mulleres, migrantes, persoas con discapacidade ou calquera colectivo en risco de exclusión. Nestes casos, os contidos enfocaranse cara as súas problemáticas concretas.
Os obradoiros teñen unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas de tres horas. Na primeira sesión, impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a súa linguaxe, os xéneros xornalísticos, etc. Tamén se explicarán os ODM e os DDHH, amais de escoitar músicas relacionadas. Encargaranse asemade as tarefas para a segunda xornada, na que se porán en común os materiais recompilados, para logo pasar á elaboración do guión e a gravación do programa.
O espazo resultante integrarase como unha sección dentro do programa 'Voces con Fondo' que se emite en Agareso Radio e pendurarase como podcast no web www.fondogalego.org. Asemade, cederanse os dereitos para a súa reprodución naquelas emisoras locais coas que conten os Concellos. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización do Fondo e conta co apoio da Xunta de Galicia.