Agareso anima á mocidade galega a implicarse para mellorar a súa comunidade

Agareso anima á mocidade galega a implicarse para mellorar a súa comunidade

Agareso anima á mocidade galega a implicarse para mellorar a súa comunidade 640 480 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desenvolve desde esta semana diversos obradoiros en concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para concienciar a máis de 500 estudantes de Secundaria sobre a importancia da participación comunitaria. A iniciativa encádrase no proxecto realizado en El Salvador para reducir a vulnerabilidade ante o risco de inundacións, financiado á ONGD pola asociación municipalista. A actividade de sensibilización percorreran ata finais de ano centros educativos de Bergondo, Boiro, Cabanas, Cuntis, A Estrada, Fene,  A Pobra do Caramiñal, Poio, Pontecesures e Vigo.

A proxección do documental 'Comunicando comunidades' -gravado na rexión salvadoreña do Bajo Lempa por un equipo de voluntariado de Agareso- centra os obradoiros, que se complementan cunha charla previa para contextualizalo e un debate posterior no que se anima á mocidade a implicarse na resolución das problemáticas sociais que afectan a súa contorna. A través do testemuño directo das e dos seus protagonistas, o audiovisual pon de relevo como as cooperativas, os movementos de base e as organizacións comunitarias permiten afrontar cuestións como a contaminación, a violencia, a falta de información ou a carencia de traballo no país centroamericano, que viviu doce anos de guerra.

Voluntariado de Agareso realizou as gravacións en El Salvador.As sesións están dinamizadas por persoal técnico de Agareso e por unha representante do parceiro salvadoreño, Radio Tehuacán, de xeito que o alumnado pode coñecer tamén de primeira man a experiencia do voluntariado nos proxectos de cooperación. Tamén acompañan algunhas proxeccións membros do equipo que se desprazou a terreo, integrado polo xornalista e presidente da organización, Juan de Sola, a cámara e fotógrafa Alba Sotelo e mais a redactora Gabriela Sánchez.

Cooperación internacional
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financiou no último ano o proxecto impulsado por Agareso para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións en comunidades e centros escolares dos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca  a través da mitigación, sensibilización e educación ambiental. Os resultados desta formación e a capacidade de reacción da poboación fronte unha emerxencia amplificáronse mediante a emisora comunitaria Radio Tehuacán. Ademais das capacitacións impartidas pola ONGD local Cordes, entregáronse materiais de prevención aos comités de protección civil e aos centros educativos, entre outras tarefas que culminaron coa gravación do documental sobre a participación comunitaria.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información