Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) sensibiliza sobre a prevención de riscos ante as catástrofes naturais en cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través de charlas e exposicións. A iniciativa encádrase no proxecto que a ONGD implementa en Cuba, co apoio da asociación municipalista, para poñer en marcha un Centro de Interpretación da Meteoroloxía que contribúa a reducir o impacto deste tipo de fenómenos.
Betanzos e Oleiros acollerán a mostra fotográfica 'Dende o Sur'. As imaxes do premio Pulitzer Manu Brabo e de Tania Juan amosan a realidade de Honduras e República Dominicana, canda parte do labor realizado por ACPP nestes países. En Caldas, Cambre e Noia impartiranse charlas nos institutos dirixidas a alumnado de 3º e 4º da ESO. O obxectivo é presentar o traballo en prevención de desastres que a ONGD leva a cabo en Centroamérica e Caribe, pero vinculándoo á realidade do propio municipio. Apoiándose en materiais didácticos e interactivos, axudan a comprender os efectos que estes acontecementos causan na poboación e a importancia de deseñar accións e campañas que contribúan a mitigar as consecuencias.
Farase especial fincapé no caso cubano, xa que as entidades organizadoras están a colaborar coa Oficina do Conservador da Habana para rehabilitar a torre do antigo Convento de Belén, onde se instalará un Centro de Interpretación da Meteoroloxía á vez que se contribúe a recuperar un Ben de Interese Cultural. O obxectivo é que o futuro museo contribúa a concienciar a poboación cubana sobre as tormentas tropicais e furacáns que lles afectan periodicamente, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a estes episodios adversos.