O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está contribuíndo a mellorar as capacidades da poboación da Habana Vieja para a prevención de desastres, a través dun proxecto promovido por Asemblea de Cooperación pola Paz coa Oficina do Conservador da cidade cubana. A asociación municipalista achega 29.463 euros a esta iniciativa que facilitará a posta en marcha dun Centro de Interpretación da Meteoroloxía no antigo convento de Belén, á vez que se contribúe a recuperar un Ben de Interese Cultural. Hoxe conmemórase o Día Meteorolóxico Mundial.
O edificio, que se sitúa no casco histórico
declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, está a ser restaurado en diferentes fases e na actualidade alberga xa diversos equipamentos sociais. A intervención sufragada polo Fondo Galego céntrase na torre do que fora un dos observatorios máis importantes do século XIX e que agora se reconverterá en centro de interpretación. A idea é que, nun futuro, o museo contribúa a concienciar á poboación cubana sobre as tormentas tropicais e furacáns que lles afectan periodicamente, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a estes fenómenos. Á vez, suporá un incentivo para o turismo e permitirá crear novos postos de traballo.
Previamente, e co apoio do Fondo Galego, estase a rehabilitar a escaleira central, elemento de articulación entre as diferentes zonas que tamén se empregará como espazo museístico. Instalaranse sistemas de protección, iluminación e paneis gráficos. De xeito paralelo, ACPP desenvolverá en Galicia charlas e exposicións relacionadas co proxecto, co fin de sensibilizar á cidadanía en xeral e á poboación escolar en particular.