Aberto o prazo para apuntarse ao programa Vacacións con Traballo

Aberto o prazo para apuntarse ao programa Vacacións con Traballo

Aberto o prazo para apuntarse ao programa Vacacións con Traballo 1199 798 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de abrir hoxe, 9 de abril, o prazo para a presentación de solicitudes a senllas prazas da novena edición do programa Vacacións con Traballo. Empregadas e empregados das administracións socias poden apuntarse para colaborar en Nicaragua co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) en materia de turismo ou para asesorar a un concello da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos na área de igualdade.

Ata o 16 de maio permanecerá aberta a recepción de candidaturas, nas que terá prioridade o persoal especializado nestas áreas, aínda que, en función das solicitudes presentadas, os perfís prioritarios poden non ser eliminatorios, polo que se recomenda inscribirse a calquera técnica ou técnico local con interese no programa. Deberán ser traballadoras ou traballadores en activo e terán que achegar unha carta de apoio da ou do representante político do Fondo Galego na súa entidade, canda o seu currículo e unha carta de motivación persoal.

As viaxes desenvolveranse no último cuadrimestre do ano, en función da dispoñibilidade dos parceiros e das propias persoas seleccionadas, que asistirán previamente a unha xornada de formación. As estadías prolónganse durante un mes, no que as e os participantes renuncian ás súas vacacións, e cóbrense os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención. Desde terreo, o voluntariado visibiliza a través dun blog a realidade do Sur e as súas propias vivencias, que á volta tamén se recollen nun caderno dixital co fin de amplificar a dimensión sensibilizadora da iniciativa.

Un total de 28 persoas, 19 empregadas e 9 empregados das administracións locais e provinciais, achegaron desde o ano 2006 o seu apoio técnico en países como Cuba, Perú, Nicaragua e Cabo Verde. Un intercambio de coñecementos que, alén de reforzar os vínculos solidarios e dinamizar a cooperación municipalista, resulta enriquecedor tanto no plano persoal e profesional, tanto para o Norte como para o Sur. Así o recoñecen as persoas participantes non só nos cadernos de experiencias que se editan á volta, senón tamén nos vídeos do encontro que se celebrou polo 15º aniversario do Fondo Galego. No blog vacacionscontraballo.wordpress.com centralízase a información sobre o programa e os relatos do voluntariado.

Convocatoria VcT 2014
Vídeos VcT
Cadernos VcT
Blog VcT

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información