O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza o curso online ‘A contratación pública ética: política de desenvolvemento sostible’, especialmente dirixido ao persoal político e técnico da administración local. Da man da cooperativa IDEAS, as e os participantes coñecerán como os seus concellos poden incorporar cláusulas éticas e de comercio xusto nos contratos públicos, contribuíndo así ao cumprimento do ODS 12.
Ata o 25 de setembro permanece aberto o prazo para inscribirse na formación, que se impartirá ao longo do mes de outubro na plataforma virtual do Fondo Galego. A matrícula será de balde, dado que a actividade conta co financiamento da Xunta de Galicia. O programa, de 20 horas de duración, estrutúrase en catro módulos dunha semana cada un. A compra pública responsable, os criterios de comercio xusto, o clausulado ético e as boas prácticas en contratación pública ou os contratos reservados e menores son principais contidos que se abordarán.
O curso estará titorizado polo politólogo David Comet, especialista en contratación pública e experto en cooperación internacional. Ademais dos foros de debate, organizaranse dúas sesións online en directo, os días 2 e 16 de outubro, de 16:30 a 18:00 horas. Cada módulo contará asemade cun documento explicativo do tema, xunto con vídeos e outros materiais de apoio, e ao remate realizaranse tanto exercicios prácticos como tests de autoavaliación.
Ofértanse un total de 35 prazas, nas que terá preferencia o persoal das administracións socias do Fondo Galego, pois o obxectivo do curso é fomentar que os investimentos municipais non só sirvan para adquirir bens e servizos, senón tamén para apoiar prácticas respectuosas cos dereitos laborais, a igualdade de oportunidades e a protección do medio ambiente. Deste xeito, concellos e deputacións poden actuar como motor de cambio positivo, promovendo economías responsables e contribuíndo á loita contra as desigualdades tanto a nivel local como global.
Programa do curso
Programa do curso (imprimir)
Formulario de inscrición