O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten aberto ata o 22 de setembro o prazo de inscrición no curso online ‘Localizando a Axenda 2030: O papel clave dos municipios na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’. A formación, para a que se ofertan 20 prazas, impartirase entre o 5 e o 31 de outubro na nova plataforma virtual da entidade.
O programa, de 40 horas de duración, estrutúrase en catro módulos semanais titorizados por persoas expertas na materia, como son a profesora e investigadora da UCM Natalia Millán, a técnica da Diputació de Barcelona Carla Cors ou o presidente da Fundación Musol, Rafael García Maties, amais do propio persoal do Fondo Galego. A orixe e contidos da Axenda 2030, a implementación dos ODS no eido local, a cooperación descentralizada ou as estratexias de comunicación e casos prácticos son os temas nos que se centrarán.
Cada módulo contará cun documento explicativo do tema, amais dun vídeo-resumo e materiais de apoio, e para superalo será preciso realizar tanto os traballos prácticos como a avaliación final. As persoas interesadas en inscribirse deberán completar este formulario e daráselle preferencia ao persoal das administracións socias do Fondo Galego, xa que o curso ten entre os seus obxectivos facilitar o cumprimento da Axenda 2030 nos concellos e deputacións. A matrícula é de balde, dado que esta actividade conta co financiamento da Xunta de Galicia.