A Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veñen de renovar o seu convenio anual, que desta volta se centrará en promover a implementación a nivel local dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados pola ONU en 2015. O presidente da asociación municipalista e alcalde de Nigrán, Juan González; a vicepresidenta e concelleira en San Sadurniño, Ana B. Gundín, e mais a vogal e alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, reuníronse onte co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, para darlle seguimento a esta colaboración.
En virtude do devandito acordo, o goberno autonómico achega 60.000 euros á execución do proxecto ‘A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación’, cuxo obxectivo é impulsar a implicación das deputacións e concellos galegos na consecución dos ODS e na cooperación para o desenvolvemento. Para isto contémplase, entre outras accións, apoiar aos municipios na elaboración de plans para que materialicen a Axenda 2030 no seus territorios. Ademais, a nova web do Fondo Galego incluirá un apartado específico sobre a materia e unha plataforma online na que se ofrecerá formación ao respecto.
O proxecto cofinanciado a través do convenio coa Vicepresidencia da Xunta inclúe asemade a posta en marcha da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, que botou a andar no foro organizado o ano pasado polo Fondo Galego en Santiago de Compostela, coa participación de representantes de oito países. A maiores, en maio realizouse a campaña #OsMunicipiosCooperan, centrada nunha serie de vídeos onde autoridades locais de Galicia e da África lusófona se unen contra o coronavirus e a prol da solidariedade internacional.
O IV Plan Director da cooperación galega 2018-2021 recoñece o papel do Fondo Galego para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa coordinación e capacidade. Neste senso, a Xunta renova o seu compromiso para contribuír á consolidación da entidade como instrumento vertebrador da cooperación municipal. Por outra parte, cabe destacar que nestes días se celebra de xeito virtual o Foro Político de Alto Nivel sobre Desenvolvemento Sostible que lle dá seguemento á Axenda 2030. O venres será o día dedicado ás administracións subnacionais, mentres que o luns terá lugar o Foro dos Gobernos Locais e Rexionais.