Seis vilas galegas acollerán entre o 4 e o 12 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria (RMS), integrada polas técnicas e técnicos encargados da relación co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en cada unha das administracións socias. Nos encontros, a Secretaría da entidade informará sobre o estado da asociación, dos proxectos no exterior e das actividades de sensibilización dispoñibles.
Neste senso, prestaráselle especial atención ao Plan 2014, que reedita fórmulas de éxito coma o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015. Tamén se exporá a segunda fase da iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento.
Santiago de Compostela, Oleiros, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra son os concellos que acollerán ás 10.30 horas as RMS do primeiro semestre. As xuntanzas van destinadas prioritariamente ao persoal técnico, mais tamén se convida a participar ás e aos representantes políticos, xa que a proximidade e o coñecemento do traballo que se realiza potencia a participación dos municipios na rede.
Facilítase así un meirande aproveitamento das diversas posibilidades que teñen as administracións socias do Fondo Galego para introduciren na vida local unha visión universal do planeta no que vivimos, contribuíndo deste xeito á denominada educación para a cidadanía global.
CALENDARIO
04/03/2014 Concello de Santiago de Compostela. Casa das asociacións, antiga estación de Cornes. Rúa Manuel Beiras (Conxo).
06/03/2014 Concello de Oleiros. Castelo de Santa Cruz.
11/03/2014 Concello de Ourense. Centro de iniciativas empresariais. Rúa Padre Feijoo.
11/03/2014 Concello de Vigo. Casa de Fernando Carreras, antigo Reitorado. Rúa Oporto nº1 – 2º (Areal, fronte a estación do tren Vigo-Guixar).
12/03/2014 Concello de Lugo. Centro social Uxío Novoneyra. Rúa Quiroga Ballesteros nº 1.
12/03/2014 Concello de Pontevedra. Casa azul (sala Valdecorvos, 2º andar). Rúa Sor Lucía.
ORDE DO DÍA
1. Exposición do estado dos proxectos de cooperación desenvolvidos desde o Fondo.
2. Presentación do estado do Plan 2014.
3. Presentación de Networking for Developement II.
4. Rogos, preguntas, suxestións.