Os concellos de Nigrán, Ames, Caldas de Reis, Cartelle, Monforte de Lemos e a Deputación da Coruña acollerán entre o 17 e o 24 de novembro as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. Os encontros reúnen ao persoal técnico das administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poden implementar ao longo do ano.
A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Todas as reunións darán comezo ás 12 horas e cada quen escolle a cal acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais. Desta volta, as xuntanzas cobran especial relevancia porque son as primeiras que se celebran tras a elección da nova Comisión Executiva da entidade, que se renova logo de cada convocatoria de comicios locais.
Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego informa sobre o estado da asociación, dos proxectos que se executan en países empobrecidos de Latinoamérica, África ou Asia, e das actividades dispoñibles para os concellos e deputacións. Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2015, que reedita fórmulas de éxito como o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os encontros dixitais #Alén2015, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Ademais, faise especial fincapé na comunicación con enfoque de cambio social e recolleranse tamén ideas para o próximo ano.
As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz. As persoas asistentes recibirán ademais un agasallo de comercio xusto.
CALENDARIO DAS RMS
- 17/11/2015 Concello de Nigrán. Salón de Actos do Concello (Praza da Constitución, s/n).
- 18/11/2015 Concello de Ames. Pazo da Peregrina (Avda. José Luis Azcárraga, 5. Bertamiráns)
- 19/11/2015 Concello de Caldas de Reis. Salón de Plenos de Concello (Rúa Ferrería, 1).
- 23/11/2015 Concello de Cartelle. Auditorio (Outomuro).
- 24/11/2015 Concello de Monforte de Lemos. Sala de Xuntas do Concello (Praza Campo de San Antonio, s/n).
- 27/11/2015 Deputación da Coruña. Sala Juanjo Gallo (Avda Alférez Provisional, 2. 6º andar).
ORDE DO DÍA DAS RMS
- Introdución ao Fondo Galego.
- Exposición do estado dos proxectos de cooperación internacional.
- Presentación do estado de execución do Plan de Sensibilización 2015.
- Explicación do Plan de Comunicación e dos servizos de comunicación para socios.
- Realización dun cuestionario para recoller novas propostas para a nova Lexislatura.
- Rogos, preguntas, suxestións.