A presidenta da Rede de Autarcas Mozambicanas celebra o Día das Mulleres con alcaldesas galegas

A presidenta da Rede de Autarcas Mozambicanas celebra o Día das Mulleres con alcaldesas galegas

A presidenta da Rede de Autarcas Mozambicanas celebra o Día das Mulleres con alcaldesas galegas 701 410 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, que reúne a alcaldesas e concelleiras do país lusófono, visitará entre o luns 7 e o martes 8 de marzo distintos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres. As alcaldesas de Cartelle, Pontecesures e Bergondo recibirán a María Helena Correia, vicepresidenta tamén da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, que se reunirá coa Comisión Executiva da entidade para concretar a organización de distintas accións.

A esta xuntanza, que terá lugar o luns ás 11 horas na Secretaría Técnica do Fondo Galego en Pontevedra, está previsto que asistan entre outros o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e mais a tesoureira e edil pontevedresa Carme Fouces. O encontro permitirá avanzar na colaboración para fortalecer a Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas.

Unha das actividades conxuntas que previsiblemente se levará a cabo este ano no país lusófono é a realización dun workshop no que participarán concelleiras galegas. O intercambio de experiencias xirará arredor das dificultades que se atopan as políticas e as ferramentas para superalas, así coma o papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero. Por outra parte, a través do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, a rede mozambicana acollerá durante un mes a unha ou un especialista en igualdade dunha deputación ou concello galego, que poida reforzar a organización interna e a planificación de actividades.

En canto as citas dos próximos días coas alcaldesas galegas, o luns ás 17 horas desenvolverase a recepción en Cartelle (Ourense) con Carmen Leyte, o martes ás 10 horas será con Cecilia Tarela en Pontecesures (Pontevedra) e o mesmo día ás 13 horas terá lugar en Bergondo (A Coruña) con Alejandra Pérez. O obxectivo é achegarlles aos concellos socios a relevancia do traballo impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para as persoas e colectivos dos países do Sur.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información