Nacho Martínez, coordinador e investigador da área de estudos da asociación de organizacións Plataforma 2015 y Más, é o convidado do encontro dixital #Alén2015 do mes de maio nos medios sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Inmerso na presentación do IX Informe Anual da entidade 'Cara 2015: Visións do desenvolvemento en disputa', o experto en desigualdade e cooperación valorará o grado de consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e analizará as propostas e alternativas para a configuración da axenda internacional de desenvolvemento, a denominada Axenda Post 2015, que substituirá á convocada ao redor dos ODM.
O diálogo online levarase a cabo este venres 30 de maio, entre as 12 e as 14 horas, no perfil de Facebook (facebook.com/fondogalego) do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía do investigador da Plataforma 2015 y Más que se publicará ao inicio do encontro, ou na conta de Twitter (@FondoGalego) da organización co hashtag #Encontro2015ymas. Na súa intervención, Nacho Martínez conversará en directo coas usuarias e usuarios para aclarar as súas dúbidas e afondar nas cuestións que lle formulen sobre as directrices da alianza global que marcarán o novo modelo de desenvolvemento internacional.
Aquelas persoas que desexen participar pero non poidan facelo nas horas fixadas para o encontro teñen a posibilidade de deixar as súas dúbidas con carácter previo no Facebook do Fondo Galego, nos posts relacionados co encontro publicados nesta rede social, co hashtag #Encontro2015ymas a través do Twitter ou ben enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.
Esta entrevista é a quinta que convoca a entidade municipalista no marco do programa #Alén2015, un total de doce encontros dixitais con axentes da cooperación que teñen lugar o último venres de cada mes coa finalidade de abrir un espazo de debate e invitar á reflexión sobre distintas temáticas en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen en 2015.
O representante da Plataforma 2015 y Más, Nacho Martínez, fará especial fincapé nesta cuestión, xa que o cumprimento e superación dos ODM é unha das principais misións da citada asociación. O seu diálogo vén complementar o de xaneiro con David Llistar, autor do libro ‘Anticooperación’ e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, que versou sobre a anticooperación; o de Sarsur en febreiro, un colectivo coruñés que aportou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental; o da investigadora Helena Maleno no mes de marzo, integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, que abordou os fenómenos migratorios; e o encontro de abril con Tom Kucharz, membro de Ecoloxistas en Acción, que ofreceu unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas.
Nacho Martínez
É sociólogo, experto en desigualdade, cooperación e desenvolvemento e profesor en diversos cursos de especialización en cooperación para o desenvolvemento. A súa traxectoria en cooperación internacional desenvolveuna tanto no ámbito da participación en organizacións da sociedade civil, como a partir do seu labor investigador. Desde decembro de 2010, coordina a Área de Estudos da Plataforma 2015 y Más e da Editorial 2015 y Más.
Conta con diversas publicacións dedicadas a analizar o papel da sociedade civil e os gobernos descentralizados nos procesos de desenvolvemento e no sistema de cooperación internacional, así como ao seguimento da política española de cooperación e a axenda internacional de desenvolvemento.