A ONGD Axunica vén de mellorar as condicións hixiénico-sanitarias da comunidade nicaraguana de Tepalón a través dun proxecto cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que permitiu dotar a 30 familias de cadansúa latrina. A asociación de Concellos e Deputacións achegou 6.750 € a esta iniciativa, que pretende reducir nun 20% a incidencia de enfermidades infecciosas transmitidas por auga contaminada, como a diarrea tifoidea e a malaria, entre a vulnerable poboación infantil.
O proxecto, para o que se estimaban inicialmente oito meses de execución, houbo de prorrogarse por mor das chuvias torrenciais que inundaron a zona, obrigando a evacuar a poboación e a adiar as obras. Ademais da construción das latrinas, impartíronse cursos de formación para garantir a súa correcta utilización, conservación e arranxo.
Todas as familias beneficiarias coincidiron nas enquisas realizadas en destacar a mellora na calidade de vida que supón esta nova infraestrutura de saneamento, que repercutirá positivamente sobre a situación medioambiental da zona. As veciñas e veciños de Tepalón implicáronse activamente tanto nos obradoiros formativos como na execución dos foxos, unha vez que o Ministerio de Saúde aprobou a localización das latrinas.
Este proxecto educativo-sanitario favoreceu a autoorganización comunitaria, xerou emprego entre os albaneis do lugar e dinamizou a economía coa compra de materiais locais. Asemade, escolarizouse as fillas e fillos das 30 familias beneficiarias. A iniciativa de Axunica, orzamentada nun total de 8.500 €, forma parte dunha máis ampla que incluíu na primeira fase a condución de auga potable a vivendas e comedores escolares.