Co comezo de 2016 ábrese no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade unha etapa na que a nova Comisión Executiva terá catro anos para levar adiante as súas liñas estratéxicas. A folla de ruta da lexislatura vén marcada polo reto de intensificar a participación das administracións locais e provinciais socias, pero tamén de incorporar novos concellos comprometidos coa solidariedade internacional, alén de recuperar aqueles que tiveran cursado a baixa.
O traballo en rede coa Xunta, a Fegamp e as ONGD, así como con outras entidades estatais e internacionais, será un dos aspectos a reforzar no período 2016-2019, no que se promoverá asemade o recoñecemento das políticas de cooperación desde o eido local e a participación en redes estatais e internacionais.
As tarefas de cooperación para o desenvolvemento e sensibilización da solidariedade galega a prol dos dereitos humanos seguirán centrando o labor do Fondo Galego. Para apoiar os países do Sur proponse pasar de proxectos puntuais a programas plurianuais que teñan un maior impacto na loita contra a pobreza, ao tempo que se redefinirán os países prioritarios, afondando na colaboración cos países lusófonos.
Apóstase ademais por poñer en marcha iniciativas de codesenvolvemento, así como por incidir nos eixos transversais do xénero, dereitos humanos e medio ambiente. Tamén se intentará implicar máis ás cidades e deputacións e ampliar as misións a terreo.
Para facer máis efectiva a sensibilización en Galicia, innovarase con actividades atractivas, que poderán estar vinculadas, por exemplo, á arte e a cultura galega ou ao deporte. Terase en conta o ámbito rural e ás persoas maiores, deseñando actividades acaídas para este perfil. Seguirase potenciando ademais o programa Vacacións con Traballo, que permite a persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego cooperar durante un mes cos parceiros en países empobrecidos.