A investigadora da Plataforma 2015 y más Natalia Millán Acevedo visitará as redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar, entre outros temas, da coherencia de políticas, das políticas públicas e dos dereitos humanos, cuestións das que é gran coñecedora debido ao seu traballo docente e investigador, así como ás múltiples investigacións nas que ten participado e ten elaborado para distintos organismos, dende o Goberno Vasco á Aecid, ata Unicef, pasando por Cáritas.
O ciberencontro terá lugar o mércores 29 de xullo, nesta ocasión, en horario de mañá, entre as 12 e as 13.30 horas, no Facebook e Twitter do Fondo Galego. O obxectivo da charla é poñer de manifesto a importancia da coherencia de políticas nas políticas públicas e na cooperación ao desenvolvemento independentemente dos países ou das comunidades ás que se pertenza, tendo en conta o contexto globalizado no que nos atopamos, onde os niveis local, nacional e internacional están interconectados.
#EncontroP2015ymas
Existen diferentes vías para poder participar na conversa. Durante a mesma, pódense facer as preguntas en "comentar", debaixo da imaxe de Natalia Millán que se subirá ao muro do perfil de Facebook do Fondo Galego ás 12 horas do vindeiro mércores. No Twitter pódense deixar as cuestións para a investigadora co hashtag #EncontroP2015ymas.
Aquelas persoas que non poidan participar en directo poden deixar as súas dúbidas con carácter previo neste formulario; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou envialas a fondogalego@gmail.com.
Aquelas que acheguen as súas cuestións a través destas vías poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que realizaremos o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.
Plataforma 2015 y más
É unha asociación conformada por once ONGD que nace no ano 2010 co obxectivo de promover a participación cidadá e a mobilización social para demandar políticas coherentes co desenvolvemento para todos os pobos.
Entre os seus propósitos cabe destacar a esixencia aos gobernos do cumprimento dos acordos internacionais asinados para lograr unha cooperación internacional coherente e eficaz ante as causas estruturais da pobreza e da exclusión social.
Esta esixencia pasa por coñecer a realidade, investigar as causas da pobreza, ademais das súas consecuencias, e exercer presión política sobre os poderes públicos e organismos internacionais de forma pacífica, propositiva e buscando o diálogo. Para isto contan cun centro de investigación e documentación, dos que teñen saído interesantes publicacións que se poden ver na súa web.
Natalia Millán Acevedo
É licenciada en Marketing e Publicidade pola Universidade do Pacífico de Chile e doutora en Ciencia Política (Relacións Internacionais) pola Universidade Complutense de Madrid, que lle outorgou o premio extraordinario de doutorado. Conta, entre unha dilatada formación académica, con sendas mestrías, en Estudos Contemporáneos en América Latina e en Desenvolvemento e Axuda Internacional.
Como investigadora, ten participado con outros compañeiros en multitude de traballos, como a ‘Estimación da axuda española á infancia: unha proposta metodolóxica’ para Unicef ou o realizado para a Aecid, ‘Cooperación con países de renda media’. Para a Plataforma 2015 y más formou parte da Investigación para la construción dun Índice de Coherencia de Políticas para o Desenvolvemento, ademais do traballo ‘Coherencia de Políticas para o Desenvolvemento en tres políticas españolas: diplomacia e dereitos humanos, internacionalización da empresa e enerxía’.
#Alén2015
O programa #Alén2015 púxose en marcha en 2014 a través de doce encontros dixitais de carácter mensual co obxectivo de achegar á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen este ano, promover o debate e reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas definidas pola ONU no ano 2000 e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a axenda de desenvolvemento post 2015, que guiará a cooperación internacional nos vindeiros 15 anos.