Helena Maleno, experta en migracións e especialista en investigación acción participativa e xénero e desenvolvemento, é a invitada do terceiro encontro dixital #Alén2015 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na entrevista, que se desenvolverá este venres 28 de marzo, entre as 12 e as 14 horas, a redactora de Periodismo Humano e membro da rede de apoio Caminando Fronteras analizará os fenómenos migratorios e todo o que atinxe a esta temática, co obxectivo de xerar un debate en torno a unha realidade fundamental nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
A entrevista online será en directo e levarase a cabo nos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da entidade municipalista, entre as 12 e as 14 horas. Durante a súa intervención, Helena Maleno responderá as preguntas das usuarias e usuarios a través da páxina de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía da investigadora que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou na conta de Twitter da entidade co hahstag #EncontroMaleno.
As persoas que non poidan participar en directo na entrevista poderán deixar con carácter previo as súas dúbidas nos post relacionados co encontro publicados no Facebook, empregando o hahstag #EncontroMaleno no Twitter ou ben enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.
A presenza de Helena Maleno e a súa ampla experiencia en fluxos migratorios na terceira entrevista online #Alén2015 súmase ás realizadas no mes de xaneiro con David Llistar, autor do libro 'Anticooperación' e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, que versou sobre a anticooperación, e a do colectivo Sarsur, o pasado mes de febreiro, que achegou unha visión interesante sobre a situación do Sáhara Occidental e as persoas que alí habitan. Estes encontros enmárcanse no programa #Alén2015 do Fondo Galego que, a través da coordinación de entrevistas online mensuais con persoeiras e persoeiros da cooperación, pretende crear unha contorna de debate e invitar á reflexión sobre distintas temáticas ao redor dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que conclúen en 2015.
Helena Maleno
É licenciada en Ciencias da Información, especialista en fenómenos migratorios, con especial atención a mulleres e menores, e experta en trata de seres humanos. Leva desde 2002 ligada á cuestión migratoria. Participou na configuración de documentais sobre persoas migrantes para Save the Children a BBC ou CNN.
Realizou distintas investigacións sobre mulleres marroquís e menores subsaharianos para organizacións como Intermón-Oxfam ou SOS Racismo. Foi delegada do Comité Español de Axuda ao Refuxiado (CEAR) en Marrocos. Como consultora independente, destaca o seu labor en fundacións internacionais como Women's Link Worldwide, ou entidades coma o Defensor del Pueblo.
Forma parte de Caminando Fronteras, un colectivo que traballa con inmigrantes da África Subsahariana en tránsito cara Europa. A nivel xornalístico, é redactora en Periodismo Humano, onde que conta cun espazo propio denominado Pandoras Invisibles desde o que busca "amosar a vulneración de dereitos humanos nos tránsitos migratorios e enmarcar estes feitos na súa dimensión transnacional cunha perspectiva de xénero".