A mostra coa que o Fondo Galego de Cooperación conmemora os seus vinte anos de andaina estreouse hoxe en Lugo no marco da I Semana Intercultural organizada polo Concello e o colectivo Lugo Xusta. Os cubos da exposición '20 anos a Fondo coa solidariedade' permanecerán instalados na Praza Maior ao longo da semana para divulgar o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.
Dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos coma o de Lugo á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento, é o obxectivo desta exposición, que contou no seu novidoso deseño co ilustrador Pepe Carreiro, autor dos sonados Bolechas. Os paneis fan un repaso pola orixe do Fondo Galego, os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos ou as actividades de sensibilización implementadas en Galicia, entre outros contidos.