A exposición de viñetas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estréase en Nigrán

A exposición de viñetas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estréase en Nigrán

A exposición de viñetas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estréase en Nigrán 848 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello de Nigrán vén de estrear a novidosa exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside o alcalde da vila, Juan González. Os municipios teñen un papel chave no cumprimento destas metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, pero para acadalas o primeiro paso é dalas a coñecer, e mellor se se fai dun xeito entretido, empregando o humor e a retranca que nos caracteriza para facelas máis comprensibles para cidadanía.

Na mostra 'Os ODS. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá', cada un dos 17 Obxectivos está representado por unha viñeta dunha autora ou autor, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau. A través das obras destes 15 debuxantes, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo, búscase concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

O Fondo Galego, que ademais desenvolveu a pasada semana as Xornadas 'A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento', volve apostar así por accións que vinculan a sensibilización co mundo da arte e da cultura, co fin de implicar a este sector e visibilizalo. Ademais, fíxose un esforzo especial por incorporar autoras, tendo en conta que a banda deseñada é un xénero especialmente hostil para as mulleres, non só pola perpetuación dos roles de xénero senón tamén por manter ás ilustradoras nun segundo plano.

Na exposición podemos atopar as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Nóvoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para Secundaria.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información