A Coruña estrea a exposición do Fondo Galego de Cooperación ‘Influír no global desde o local’

A Coruña estrea a exposición do Fondo Galego de Cooperación ‘Influír no global desde o local’

A Coruña estrea a exposición do Fondo Galego de Cooperación ‘Influír no global desde o local’ 800 536 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello da Coruña, socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, vén de estrear a nova exposición da entidade municipalista, ‘Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto’. Despois de pasar polo Fórum Metropolitano, a mostra organizada pola Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística permanecerá ata o 13 de maio no Espazo Solidario do Paseo das Pontes. Poderá visitarse de luns a venres, con entrada de balde, en horarios de mañá e tarde.

A través dunha ducia de paneis deseñados por Pepe Carreiro, a exposición ‘Influír no global desde o local’ pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación para o desenvolvemento. Á vez, realízase unha viaxe no tempo para repasar anos de traballo do Fondo Galego, descubrir a súa razón de ser e achegarse aos proxectos desenvolvidos neste período. Preténdese aproximar a cidadanía aos problemas dos países do Sur, o sistema de cooperación internacional e o rol que dentro del poden e deben desenvolver as entidades locais galegas e a súa asociación: o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A mostra amosa os desequilibrios Norte-Sur; o por qué, para qué e cómo da cooperación para o desenvolvemento e concretamente da cooperación desenvolvida desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa un pouco máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global/local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.

O Fondo Galego de Cooperación facilitoulle tamén ao Concello da Coruña a unidade didáctica complementaria á mostra, para que nos centros escolares poidan desenvolver un traballo teórico-práctico na aula que complemente a visita á exposición. Dirixida a alumnado de 12 a 16 anos, a unidade propón exercicios, vídeos e outros materiais co obxectivo de ampliar os coñecementos do estudantado no marco da educación para o desenvolvemento.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información