“A cooperación internacional é fundamental para buscar unha meirande igualdade”

“A cooperación internacional é fundamental para buscar unha meirande igualdade”

“A cooperación internacional é fundamental para buscar unha meirande igualdade” 1199 756 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira de Benestar Social de Silleda, Pilar Peón, participaron canda persoal técnico de senllas administracións na xuntanza da Comisión Executiva correspondente ao mes de setembro. No encontro déuselle a benvida oficial ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, xa que ambos os dous concellos veñen de sumarse á rede. A adhesión de novas administracións locais é unha das prioridades das Liñas Estratéxicas 2016-2019 da entidade.

"Incorporámonos ao Fondo Galego porque pensamos que os proxectos de cooperación internacional sempre son moi positivos", expresou Fernández Abraldes. "A pesar de sermos un concello pequeno e con posibilidades modestas, parecíanos importante contribuír co noso gran de area, pois a cooperación internacional é fundamental para buscar unha meirande igualdade social no mundo", concluíu.

En función da súa poboación, a Barro correspóndelle achegar unha cota anual de 392 euros, que serán reinvestidos tanto en accións de cooperación internacional  como en actividades de sensibilización en Galicia. A xeito de benvida, o Concello recibirá próximamente a exposición 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade', coas fotografías de Rober Amado, e mais a actuación do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, co fin de promover a interculturalidade. Trátase de dúas das propostas que os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación poden implementar para promover a defensa dos dereitos humanos, canda exposicións, concertos, charlas ou obradoiros.

A andaina destas actividades centrou precisamente un dos puntos da xuntanza da Comisión Executiva, na que tamén se deu conta do proxecto a prol da saúde infantil e materna apoiado en Mozambique e mais da reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono nos campamentos saharauís. A axuda de post emerxencia tras o terremoto de Ecuador, a participación no Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo ou a próxima viaxe a Mozambique dun grupo de concelleiras galegas para intercambiar experiencias coas súas homólogas africanas foron outras das cuestións abordadas na xuntanza.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información