A Confederación de Fondos conmemora en Madrid 30 anos de cooperación internacional desde o local

A Confederación de Fondos conmemora en Madrid 30 anos de cooperación internacional desde o local

A Confederación de Fondos conmemora en Madrid 30 anos de cooperación internacional desde o local 1600 1064 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad (Confocos) pechou as actividades conmemorativas do seu 30º aniversario cunha recepción no Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación na que participou o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, en calidade de vicepresidente da rede estatal. A Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Eva Granados, encabezou o acto institucional, no que tamén se presentaron os vídeos conmemorativos e o manual ‘Municipalismo e solidariedade. Do discurso á práctica’.

A representante do Goberno central puxo en valor o papel desempeñado por Confocos na configuración da nova Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, que “por primeira vez, recoñece de maneira explícita a cooperación descentralizada local como parte estrutural do sistema da Cooperación Española”. Deste xeito, “a cooperación local organizada forma hoxe parte dos órganos de máximo nivel da política pública estatal”. Neste senso, animou as entidades locais a implicarse activamente nestes espazos, ao tempo que salientou o labor dos Fondos na pedagoxía social e na loita contra os discursos de odio.

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Fondos, Jordi Cuadras, quixo recoñecer o traballo sostido polas “entidades sociais, as administracións públicas e os concellos que fixeron posible chegar a este 30º aniversario”. Destacou asemade a consolidación de Confocos e apuntou como retos de futuro “seguir medrando e estender este modelo de boas prácticas a novos territorios, reforzar a incidencia para facer fronte aos discursos de odio promovendo a empatía e a solidariedade, e profundar na colaboración coas institucións do Estado, tamén no ámbito económico”.

Juan González sinalou na súa intervención “todo o que supón o traballo realizado nestes trinta anos en países do Sur Global, chegando a lugares recónditos que ás veces parece imposible acadar, con financiamento incluso de pequenos municipios”. “Poden parecer grans de area pero significan moito”, engadiu, xa que contribúen a “crear un mundo un pouquiño máis xusto e solidario, grazas a milleiros de proxectos que permiten mellorar a vida das persoas, e iso resulta moi satisfactorio”, concluíu.

Durante o encontro pronunciáronse tamén representantes doutros Fondos que integran a Confocos, poñendo de relevo a diversidade territorial e política que a caracteriza e que constitúe unha das súas principais fortalezas. Nas súas declaracións destacaron a importancia do traballo en rede e das alianzas, a vixencia da cooperación internacional fronte aos relatos que a cuestionan, o valor do municipalismo e do desenvolvemento local como vínculo humano co Sur Global e o compromiso permanente cos dereitos humanos.

Estratexia de Cooperación Feminista

Días antes deste evento que visibilizou tres décadas de traballo conxunto dos gobernos locais a prol da cooperación internacional e da solidariedade global, o presidente do Fondo Galego de participara tamén en Madrid na presentación da Estratexia de Cooperación Feminista, coa presenza do ministro José Manuel Albares. Destacadas expertas do ámbito político, social e académico expuxeron as claves desta folla de ruta que busca transformar as estruturas de poder e defender os dereitos das mulleres e nenas co fin de erradicar as desigualdades.

Vídeo 30 años de Confocos!
Vídeo 30 años de Confocos en voz de sus presidencias

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información