Desde aquela transcorreron 11 anos e 33 proxectos de cooperación internacional centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación, principalmente nas illas de Santiago, Santo Antão e Maio, mais tamén con presenza nas illas de Fogo, São Vicente e Brava .
Nestes once anos os vencellos entre Galicia e Cabo Verde mediados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade non só atinxen aos proxectos en terreo, senón que múltiples vínculos institucionais e persoais teñen sido promovidos polo Fondo Galego desde aquela, téndose producido entre outras accións: 11 asistencias técnicas vinculadas ao programa Vacacións con Traballo, un seminario sobre políticas de xénero en Galicia e Cabo Verde, a realización de varios documentos audiovisuais ou distintas misións político-institucionais tanto en Cabo Verde como en Galicia.
Deste xeito e dentro do Plan 2013 do Fondo, a asociación municipalista decidiu visibilizar, sistematizar e por en valor a relación entre os dous países ao longo da anualidade presente.
Froito desta idea entre o 8 e o 15 de decembro unha delegación da ANMCV visitará Galicia conformada polo propio presidente da ANMCV, Manuel de Pina (alcalde de Ribeira Grande de Santiago) e a vicepresidenta, Rosa Lopes Rocha (alcaldesa do Porto Novo). Durante esa semana, na que se celebrarán as VIII Xornadas do Fondo Galego 'Cooperación e comunicación internacional' o 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, desenvolveranse distintos actos de irmandade que proximamente comunicaremos.
Desde a Comisión Executiva animamos a que todas as persoas e institucións que desexen facer parte desta irmandade se comuniquen co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.