O estudo apunta que a cidadanía galega amosa un alto grao de preocupación pola situación nos países do Sur e considera a pobreza e a desigualdade o problema máis importante ao que se enfronta o mundo na actualidade. Mesmo no actual contexto de crise económica, maniféstase unha posición favorable ao mantemento da axuda, aínda que se vincula ao cumprimento de determinadas condicións por parte dos países destinatarios, coma o respecto aos dereitos humanos, o impulso da democracia ou a loita contra a corrupción.
En canto á escolla do axente de cooperación máis eficaz, as persoas enquisadas inclínanse case na mesma medida polas ONGD e os gobernos. No entanto, cren que nos países ricos son as Administracións públicas as que deben asumir a maior responsabilidade das políticas de cooperación.
Segundo o estudo, a poboación galega estima que o obxectivo principal destas accións debe ser satisfacer necesidades básicas coma a alimentación, a educación e a atencións sanitaria. A zona xeográfica sinalada como preferente é a África Subsahariana, seguida a gran distancia por América Latina.
O informe sobre ‘Coñecemento e actitudes dos cidadáns galegos cara a política de cooperación e axuda para o desenvolvemento’ revela asemade que o nivel de coñecemento sobre estas políticas é bastante baixo. A opinión pública galega tamén é bastante escéptica respecto da súa eficacia a causa de obstáculos externos, coma a interferencia de dirixentes políticos dos países receptores.
No entanto, a análise realizada polos investigadores Miguel Caínzos, Celestino García Arias e Ramón Bouzas Lorenzo apunta que a implicación persoal das galegas e galegos con actividades relacionadas coa cooperación é moderadamente alta.
Descarga aquí o estudo completo