A Casa da Cultura de Lousame (A Coruña), situada en Portobravo, acolle a partir deste venres 2 de xullo a exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’, organizada polo Concello en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra permanecerá na vila ata o vindeiro día 15, e estará aberta ao público de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, con entrada de balde.
A exposición, integrada por viñetas elaboradas por 28 autores de 16 países diferentes, convida a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Do mesmo xeito, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres. O Fondo Galego de Cooperación entende que o desenvolvemento sostible non é posible neste contexto, por iso quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.
É a segunda vez que ‘A Paz Cuestión de Fondo’ recala en Lousame, xa que a finais do ano pasado estivo exposta na Casa Consistorial. Nesta ocasión preténdese que a mostra poida ser visitada por máis público ao situala na Sala de exposicións, e anímase a que as familias acudan a vela. Trátase de que nenos e adultos entendan que a paz non é só a ausencia de guerra, pois existen outros tipos de violencia que atentan contra ela. Ao mesmo tempo, inténtase desenvolver nos máis novos un espírito crítico coa realidade.