O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza o ciclo de webinars ‘A Axenda 2030 na cooperación municipalista’ co obxectivo de propiciar o achegamento entre as administracións locais socias e os parceiros nos países empobrecidos ou outras entidades de interese para o troco de experiencias cos nosos concellos e deputacións. A actividade, cofinanciada pola Xunta de Galicia, está aberta á cidadanía pero diríxese en particular ao persoal político e técnico dos municipios galegos.
O primeiro encontro virtual celebrarase o mércores 19 de maio, entre as 11 e as 12:30 horas, e centrarase na ‘Planificación estratéxica arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’, con exemplos de boas prácticas en distintos países que poidan servir de inspiración. Deste xeito, contaremos coa experiencia da Diputación de Huelva, que forma parte do Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (Famsi) e que estará representada pola deputada provincial Leonor Romero. Desde a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (RICD) participará Paulo Ramalho, concelleiro do municipio portugués da Maia, mentres que os técnicos Abdulremane Chaca e Nelito Tiago falarán en nome da cidade de Pemba, integrante da Associação Nacional dos Municípios de Moçambique (ANAMM). O debate estará moderado por Luísa Feijóo, secretaria do Fondo Galego e concelleira de Ames.
As tres sesións restantes, que se convocarán con periodicidade bimensual, estarán encamiñadas a amosar a realidade do Sur e dos proxectos de desenvolvemento, de modo que poidamos descubrir aspectos cruciais do día a día das persoas que viven en situación de vulnerabilidade e como a cooperación internacional pode contribuír a mellorar a súa calidade de vida. Os webinars organizaranse por bloques temáticos: auga e enerxía (ODS 6 e 7), igualdade de xénero (ODS 5) e educación de calidade (ODS 4).
As intervencións permitirán asemade dar a coñecer as actuacións que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoia nestes intres en Guinea-Bissau, Mozambique, India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala con entidades como a Rexión de Cacheu, o municipio de Nhamatanda, a Fundación Vicente Ferrer, Amigos da Terra, Agareso, Solidariedade Internacional ou Fundação Encontro.
Inscricións: bit.ly/axenda1