PROPOSTA DE RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA DE PROXECTOS 2012
APROBADA POLA COMISIÓN EXECUTIVA EN SESIÓN CELEBRADA O 20 DE XULLO
A Comisión Executiva do Fondo Galego aprobou o 19 de abril de 2012 a apertura do proceso de convocatoria aberta aos axentes de cooperación para o financiamento de proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento no presente exercicio.
Previo ditame do Consello Municipalista de Cooperación, reunido o 9 de maio, a Comisión Executiva aprobou as Bases que rexen a convocatoria o 16 de maio. De conformidade con elas, entre o 22 de maio e o 22 de xuño mantívose aberto ao público o prazo para a presentación das diferentes propostas.
O 18 de xullo, coa participación de representantes dos concellos de Cambre, Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra e O Porriño, ademais da Secretaría Técnica, a Comisión Técnica Avaliadora analizou os proxectos presentados, formulando unha proposta que foi trasladada á Comisión Executiva. Esta, a 20 de xullo de 2012, formulou a presente Proposta de Resolución que de conformidade co disposto no artigo 10.e. dos estatutos é sometida á Asemblea xeral de socios.
PROPOSTA DE ACORDO
1. FINANCIAR os seguintes proxectos:
1.1. MELLORADAS AS CONDICIÓNS DE HABITABILIDADE E SALUBRIDADE DE 6 FAMILIAS CHOROTEGAS DE LA MUTA, CON PLAN CHAN-TEITO. 5ª FASE (NICARAGUA)
Código: CI/2012/NI/01
Entidade solicitante: Taller de Solidaridad
Socio local: INPRHU- Somoto
País: Nicaragua
Orzamento total: 37.858,60€
Cantidade solicitada/concedida: 16.983,58€
Resumo do proxecto: A presenza da enfermidade de chagas no departamento de Madriz data de 1992. Dita enfermidade está directamente relacionada coas condicións de pobreza que afectan ao departamento, tanto en relación ás vivendas como ás familias. O proxecto ten como obxectivo mellorar as condicións de vida da poboación Chorotega a través da mellora das condicións de habitabilidade das vivendas e das capacitacións orientadas á mellora do coñecemento sobre autoconstrución de vivendas, saúde, hixiene e agricultura biolóxica.
1.2. MÓDULO PARA A EMANCIPACIÓN SOCIAL E PARTICIPACIÓN POLÍTICA DAS MULLERES, DENTRO DO PROGRAMA PARA O EMPODERAMENTO DAS MULLERES (INDIA).
Código: CI/2012/IN/02
Entidade solicitante: Implicadas no Desenvolvemento
Socio local: People´s Development Initiatives (PDI)
País: India
Orzamento total: 8.495,02€
Cantidade solicitada/concedida: 6.730,96€
Resumo do proxecto: O proxecto que se presenta ten por obxectivo contribuír ao aumento da participación social e política das mulleres en 15 suburbios da cidade de Tiruchy, no estado de Tamil Nadu (India). A entrada das mulleres na vida social e política é un requisito fundamental para activar sociedades igualitarias. A través da metodoloxía dos grupos de aforro e doutras actividades complementarias traballarase a autoestima das 1.500 mulleres integrantes dos mesmos, promovendo un entorno de maior equidade de xénero, incrementando a información e formación das mulleres sobre o marco político.
1.3. PROXECTO DE FORTALECEMENTO DAS CAPACIDADES DE XESTIÓN DOS RECURSOS HÍDRICOS DO PERSOAL TÉCNICO DA MUNICIPALIDADE DE MARCOVIA (HONDURAS)
Código: CI/2012/HO/05
Entidade solicitante: Enxeñería sen Fronteiras
Socio local: Alcaldía Municipal de Marcovia
País: Honduras
Orzamento total: 23.841,50€
Cantidade solicitada/concedida: 18.202,32€
Resumo do proxecto: O proxecto proposto ten como obxectivo o fortalecemento institucional da alcaldía de Marcovia, en Honduras. Farase en base a dous piares: o levantamento da información técnica e socioeconómica necesaria para a elaboración do Plan de Xestión Integral do Recurso Hídrico (tamén coñecido como Plan Director) da comunidade de Monjarás, e transversalmente, a realización dunha serie de capacitacións e asistencias técnicas relativas ás ferramentas empregadas para a elaboración do plan, que servirán para mellorar o aproveitamento dos recursos informáticos por parte da alcaldía e aumentar a calidade do seu traballo diario.
1.4. FORTALECEMENTO DAS CAPACIDADES LOCAIS NA XESTIÓN AMBIENTAL DE DÚAS ÁREAS PROTEXIDAS DO GOLFO DE FONSECA, SECTOR NICARAGUA.
Código: CI/2012/NI/03
Entidade solicitante: Amigos da Terra
Socio local: Fundación Líder
País: Nicaragua
Orzamento total: 50.574,25€
Cantidade solicitada/concedida: 20.000,00€
Resumo do proxecto: O presente proxecto ten como obxectivo xeral contribuír ao fortalecemento do desenvolvemento sostible de dúas Áreas Protexidas do Golfo de Fonseca (Nicaragua). Os grupos destinatarios do proxecto serán os dous Comités de Manexo Colaborativo das dúas Áreas Protexidas, que estarán conformados polos actores locais, os dous gobernos locais e os lideres e lideresas das comunidades situadas nas dúas Áreas Protexidas. Contarase coa implicación das municipalidades e centraranse os esforzos nas actividades formativas e de sensibilización, para garantir o respecto polo medio natural e unha adecuada xestión do mesmo.
2. A Comisión Executiva aprobou igualmente o financiamento dos seguintes proxectos de cooperación directa:
2.1. MELLORADAS AS CONDICIÓNS DE HABITABILIDADE E SALUBRIDADE DE 10 FAMILIAS CHOROTEGAS DE TOTOGALPA, MADRIZ (NICARAGUA) 4ª FASE.
Código: CD/2012/NI/01
Socio local: INPRHU- Somoto
País: Nicaragua
Orzamento total: 77.916,19€
Cantidade achegada polas/os beneficiarias/os: 18.401,54€
Cantidade achegada polo Inprhu-Somoto: 4.853,20€
Cantidade achegada polo Concello de Vigo: 53.661,15€
Cantidade achegada polo Fondo Galego: 1.000€
Resumo do proxecto: A través deste proxecto serán construídas 10 vivendas en San José de Palmira, onde INPRHU mercou a terra e a distribuíu a mulleres sen terra. A intervención comprende dous aspectos básicos: a autoconstrución de 10 vivendas e a capacitación da poboación beneficiaria en materia de autoconstrución de vivendas, agricultura orgánica e sanidade ambiental. A mellora das condicións de habitabilidade contribuirá a evitar a proliferación do ‘mal de Chagas’ e doutras enfermidades contaxiosas. Así mesmo, en cada unha das vivendas será instalada unha cociña mellorada, unha latrina, un sistema de captación de auga do teito, un filtro para depurala e un panel solar.
2.2. REHABILITACIÓN DA ESCOLA PRIMARIA JUAN GUALBERTO GÓMEZ, EN CAYO GRANMA (CUBA) : 1º FASE
Código: CD/2012/CU/02
Socio local: Oficina do Conservador da cidade de Santiago de Cuba
País: Cuba
Orzamento total: 36.000€
Cantidade achegada pola Oficina do Conservador de Santiago de Cuba e as/os beneficiarias/os: 18.000€
Cantidade achegada polo Concello de Vigo: 16.000€
Cantidade achegada polo Fondo Galego: 2.000€
Resumo do proxecto: Este proxecto ten como obxectivo rehabilitar construtivamente a Escola Primaria Juan Gualberto Gómez, así como mellorar a calidade de vida de estudantes e traballadoras/es da escola. Cayo Granma e o seu entorno forman parte da área declarada Patrimonio da Humanidade Castillo San Pedro de la Roca, cunha ubicación que lle proporciona un entorno particular, xa que está na entrada da baía santiaguera. A escola conta con dous inmobles, se ben só se vai rehabilitar un deles, que ten un valor arquitectónico con grao de protección 2, edificación exemplar de tipoloxía construtiva ballom frame, apoiada sobre pilotes que asentan no mar. Debido ao alto grao de deterioro do inmoble, o estudantado non pode asistir ás súas clases neste colexio, polo que tivo que ser trasladado a outro local, aspecto que non permite o bo funcionamento das clases debido ao amoreamento e aos problemas de acústica.
O uso do inmoble será potenciado co desenvolvemento de actividades perdidas tras o seu deterioro, como a sala de computadoras, a minibiblioteca, ensino de artes e deportes mariños. A rehabilitación de dita escola comprende un período de 3 anos, sendo esta a proposta para o primeiro deles.
2.3. MELLORA DAS CONDICIÓNS DE HABITABILIDADE E HIXIÉNICO-SANITARIAS DA POBOACIÓN DE CAYO GRANMA, MUNICIPAIS DE SANTIAGO DE CUBA (CUBA)
Código: CI/2012/CU/07
Entidade solicitante: Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP)
Socio local: Oficina del Conservador de Santiago de Cuba
País: Cuba
Orzamento total: 50.185,96€
Cantidade solicitada: 19.962,25€
Resumo do proxecto: O proxecto pretende mellorar as condicións de habitabilidade e hixiénico sanitarias de 3 edificios situados en Cayo Granma, pertencente ao ámbito de protección do cerco Castelo do Morro, declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1997. Por tanto, o proxecto pretende incidir nestas condicións de habitabilidade, rehabilitando tanto as cubertas, como os sistemas de saneamento e electricidade das vivendas.
OBSERVACIÓN: A CE suxire vincular o futuro financiamento do proxecto presentado por ACPP, ao bo desenvolvemento da intervención de cooperación directa promovida polo Fondo Galego e o Concello de Vigo en Cayo Granma para a rehabilitación da escola da illa. Ao tempo, suxerirase un axuste orzamentario que contemple a posibilidade de vincular as dúas intervencións ou ofrecer alternativas enriquecedoras no proxecto como o uso turístico ou comunitario dalgunha das infraestruturas a rehabilitar. Tamén, procurarase a achega extraordinaria dalgún socio interesado en promover a intervención de ACPP e a Oficina do Conservador no Cayo Granma.