A Asemblea resolve este mércores a convocatoria de proxectos

A Asemblea resolve este mércores a convocatoria de proxectos

A Asemblea resolve este mércores a convocatoria de proxectos 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes dos 87 concellos e as dúas deputacións que integran o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade están chamados a participar na Asemblea xeral ordinaria que se celebra este mércores 22 de outubro en Santiago de Compostela. O encontro terá lugar ás 12 horas na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta). A orde do día centrarase na resolución da convocatoria de proxectos 2014 e nas doazóns para a reconstrución de Gaza e Filipinas, cuestións que se farán públicas ás 13 horas nunha rolda de prensa á que as e os asistentes tamén están convidados a acudir.

Catorce axentes de cooperación galegos ou con sede en Galicia presentaron un total de 15 proxectos de desenvolvemento en países do Sur á convocatoria de axudas lanzada este ano polo Fondo Galego. Unha vez baremados por parte da Secretaría, a Comisión Avaliadora -conformada por persoal dos concellos de Nigrán, Poio, Bergondo, Xove e O Barco de Valdeorras- elaborou un ditame que trasladou á Comisión Executiva, que formulou a proposta que agora deberá ratificar a Asemblea de socios.

A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, abrirá a segunda Asemblea de 2014 actualizando o estado da asociación e tamén se fará seguimento do Plan de Comunicación Online. Na sesión exporanse asemade das contías dedicadas a paliar situacións de emerxencia e o seu destino, como é o caso da reconstrución de Gaza tras os últimos bombardeos israelís ou o apoio á poboación afectada polo tifón Haiyán en Filipinas. Tanto destas actuacións como das intervencións que se financiarán ás ONGD galegas nos países empobrecidos darase conta na rolda de prensa posterior.

As políticas e políticos designados como delegados do Fondo Galego en cada unha das deputacións e concellos socios están chamados a participar da Asemblea e da rolda de prensa. No entanto, poden delegar noutra ou noutro representante político ou técnico. Para confirmar ou escusar a asistencia deberán dirixirse ao enderezo electrónico do secretario da asociación dpalau@igadi.org.

Convocatoria e orde do día
Convite á rolda de prensa

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información