Segundo os datos da Coordinadora de ONG para el Desarrollo, máis de 1.000 cidadás e cidadáns españois cooperan en 120 países, e calcúlase que arredor dun cento proceden de Galicia. A nivel mundial, as persoas cooperantes sufriron durante o pasado ano máis de 300 ataques, nos que 86 faleceron e 95 foron secuestradas.
Pese as dificultades, milleiros de traballadoras e traballadores dos distintos axentes de cooperación loitan cada día por un mundo máis xusto, ben desde o Norte, ben expatriadas en países do Sur e unindo os seus esforzos aos das organizacións locais.
Neste espírito fundaméntase tamén Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional impulsado polo Fondo Galego. No marco desta iniciativa, o funcionariado das administracións locais e provinciais de Galicia ten a oportunidade de compartir e intercambiar experiencias en lugares coma Nicaragua, Cuba ou Cabo Verde.