A data escollida en 2006 para celebrar o Día da e do Cooperante recoñece a contribución destas e destes profesionais ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Nesta xornada, reivindícase o seu labor e a difusión dos valores que representan na loita pola erradicación da pobreza. Valores que comparte o voluntariado de programas como Vacacións con Traballo, iniciativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que promove a colaboración de persoal da administración local galega nos países do Sur.
Segundo un recente estudo da Aecid, máis de 2.700 profesionais españolas e españois traballan na actualidade no ámbito da cooperación internacional para o desenvolvemento en máis de 80 países. A maioría son mulleres e case a metade áchanse na África subsahariana. A Coordinadora Galega de ONGD, pola súa parte, vén de denunciar que o número de persoas contratadas como expatriadas nas ONGD galegas descendeu un 80% en menos de catro anos, pois pasouse de 44 en 2009 a 9 na actualidade, redución que consideran directamente proporcional aos reiterados recortes da Xunta nos orzamentos de cooperación.
Doutra banda, no Día Internacional da Alfabetización lémbraselle á comunidade mundial que a esta é un dereito humano e un medio para acadar o desenvolvemento individual e social. 'Alfabetizacións para o século XX' é o lema deste ano, baixo o paraugas da Educación para Todos que defende a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.
Os últimos datos revelan que o 84% da poboación mundial sabe hoxe ler e escribir, fronte ao 76% en 1990. No entanto, máis alá destas cifras persisten graves desigualdades: dous terzos dos 774 millóns de persoas adultas analfabetas que hai no mundo son mulleres, e tamén a maior parte da infancia e adolescentes que fican sen escolarizar.