Tras algunhas conmemoracións incipientes, considérase que o Día Internacional da Muller Traballadora celebrouse por primeira vez en marzo de 1911 en varios países europeos. Arredor desa data, aínda que os datos son confusos, 140 mozas morrían nun tráxico incendio na fábrica de camisas Triangle de New York. O suceso repercutiu na lexislación laboral de Estados Unidos e en posteriores celebracións do Día da Muller chamaríase a atención sobre as condicións laborais que conduciron ao desastre.
Máis dun século despois, na data de hoxe segue sendo preciso reivindicar a igualdade, tamén no traballo, pois o Parlamento Europeo lembra que na UE aínda existe unha diferenza media do 17% entre os salarios de homes e mulleres. Na nosa contorna, estes días estase a desenvolver a campaña 'Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos'.
A ONU, que a mediados dos 70 proclamou o 8 de marzo Día Internacional da Muller, adoptou este ano o lema 'Empoderar a muller campesiña, acabar coa fame e a pobreza', tanto no Norte coma, sobre todo, no Sur. Segundo ONU Mulleres, o 70 % dos 1.400 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día son donas, sete de cada dez menores sen escolarizar son nenas e máis de 500.000 mulleres morren cada ano por causas relacionadas co embarazo. A feminización da pobreza vai en aumento, tal e como lembra a Coordinadora Galega de ONGD.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado unha vintena de proxectos específicos de xénero aos que destinou arredor de medio millón de euros, aínda que se contempla como enfoque transversal en todas as iniciativas cofinanciadas e tamén nas actividades de sensibilización que implementan as Administracións socias.
No Concello de Redondela, este ano estase a conmemorar o Día Internacional das Mulleres co Ciclo de Cine con Fondo sobre a desigualdade de xénero. Tamén en Cuntis organizan proxeccións centradas na loita das mulleres do Sur pola equidade e en Burela pasarase para alumnado de Secundaria unha película sobre o tema. Mentres tanto, as exposicións e contacontos do Fondo Galego de Cooperación seguen xirando para concienciar a prol dun mundo máis xusto.