Coa aprobación desta resolución iniciábase en Suecia a Conferencia de Estocolmo, que se centrou na degradación ambiental e na que tamén se estableceu o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (Pnuma).
O obxectivo deste Día Mundial é darlle un enfoque humano aos temas ambientais, motivando ás persoas a convertérense en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo. Trátase de promover un cambio de actitude e, ao tempo, impulsar a cooperación para garantir que todas as nacións gocen dun futuro máis próspero e seguro.
No actual contexto de crise, o tema central deste ano é 'A economía verde: inclúete a ti?'. Considérase que a economía é verde cando resulta baixa en emisións de carbono, eficiente en recursos e socialmente inclusiva. Brasil é o país anfitrión neste 2012 e do 20 ao 22 de xuño acollerá o cumio Río+20, dúas décadas despois da Cimeira da Terra que reuniu ao meirande número de líderes mundiais para tomar importantes decisións sobre o desenvolvemento sostible.
No entanto, a data conmemórase con múltiples actividades arredor do planeta. Tamén as entidades locais socias do Fondo Galego están a celebrar a xornada con propostas coma a do Concello de Tomiño, que ao longo desta semana organiza o Ciclo de Cine con Fondo sobre ecoloxismo. 'Planeta auga', 'Unha verdade incómoda' e 'O soño da auga' son os títulos que se proxectarán no instituto da vila para facer reflexionar ao alumnado.