O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, recolleu esta mañá o Premio Consello Social UVigo-Humana, que recoñece o labor desenvolvido por persoas e entidades no eido da solidariedade e a cooperación. Nesta segunda edición dos galardóns, que se entregaron no campus vigués seguindo o protocolo anticovid, tamén resultou galardoada a Asociación Provivienda, así como seis estudantes que centraron os seus TFG/TFM en temáticas relacionadas coa Axenda 2030.
A comisión avaliadora valorou moi positivamente o enfoque descentralizado co que traballa o Fondo Galego, “asumindo que o Estado non é o único actor con responsabilidade no ámbito da redución da pobreza e as desigualdades entre Norte e Sur”. Así mesmo, tivo en conta os logros acadados, pois a asociación de concellos e deputacións ten impulsado uns 170 proxectos en máis de 30 países, entre os que destacan Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde ou Mozambique.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán fixo extensivo o recoñecemento ao cento de administracións locais e provinciais que fan parte desta rede e mais aos parceiros nos países do Sur, ao tempo que lle agradeceu ao Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) ter presentado a candidatura. “É un premio que nos dá enerxía para continuar traballando a prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que ás veces parecen unha utopía, pero se nos unimos temos a posibilidade de acadalos”.
Pola súa banda, as e os responsables da Universidade de Vigo salientaron o carácter comprometido da institución educativa. “As entidades que hoxe premiamos dan boa mostra de que facendo as cousas en colectividade se poden acadar moitos dos obxectivos que nos formulamos”, recalcou o reitor, Manuel Reigosa, satisfeito porque “hai aliñación titular, hai canteira e hai moita xente que leva tempo comprometida e que vai seguir comprometida”.