A Organización Internacional do Traballo (OIT), estima no seu último informe que máis de 10 millóns de rapazas e rapaces están involucrados neste tipo de labores, remuneradas ou non, no fogar dun terceiro ou empregador. Ao tratarse dunha contorna privada, son especialmente vulnerables ao abuso e á explotación.
Estímase que preto de 215 millóns de nenas e nenos traballan no mundo, moitos a tempo completo. Isto implica que nin van á escola nin teñen tempo para xogar. Moitos non reciben alimentación nin coidados apropiados. Máis da metade expóñense a tarefas perigosas, como a minería, labores agrícolas con agroquímicos ou o manexo de maquinaria peligrosa. Tamén á escravitude e outras formas de traballo forzado, alén de actividades ilícitas coma o tráfico de drogas ou a prostitución, así como a participación en conflitos armados.
No día de hoxe faise un chamamento a prol de políticas que garantan a eliminación do traballo infantil doméstico e o establecemento dunhas condicións dignas no sector, Unicef recorda asemade que a educación é clave para frear esta tendencia. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade súmase ao movemento mundial contra o traballo infantil a través das actividades que organizan algunhas das administracións socias, coma o Concello de Riveira, que hoxe acolle o contacontos solidario da Tropa de Trapo.