A vila ourensá de Ramirás deu nas derradeiras semanas boa mostra do que debe ser a educación para a paz e a sensibilización en materia de cooperación ao desenvolvemento co programa ‘Ramirás solidario. Porque o mundo pode ser un lugar mellor para tod@s’. A iniciativa, desenvolvida polo Concello en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, incorporou actividades para públicos de todas as idades, fóra e dentro das aulas.
‘Ramirás solidario’ principiou a comezos de xuño coa exposición ‘Os Obxectivos do Milenio 2000-2015’, que permaneceu ata o día 13 no Centro Social e Cultural do Picouto. A mostra sintetiza as oito metas que as Nacións Unidas priorizaron hai dez anos na Declaración do Milenio: erradicar a pobreza extrema e a fame, acadar a educación primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a sida e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e mais fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
De xeito paralelo, uns vinte escolares do CEIP Roxelio García Yáñez traballaron sobre estas ideas a través das unidades didácticas deseñadas polo Fondo Galego. A mestra de Coñecemento do Medio e Educación para a Cidadanía, Encarnación Villanueva, e mais o profesor de Inglés, Alejandro Suárez, dirixiron as actividades dos alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, adaptando as propostas a cada nivel. “Insistimos sobre todo nos aspectos da coeducación e a igualdade entre homes e mulleres”, explicou o mestre. Os rapaces visionaron vídeos e pintaron murais para corrixir os estereotipos de xénero, “gustoulles e participaron moito”, comentou Suárez. “É un complemento educativo que resulta moi positivo”, engadiu.
‘Ramirás solidario’ completouse coa estrea do espectáculo ‘Contos coas mans abertas’ ideado pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Cooperantes, mulleres da aldea, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimáns son algúns dos protagonistas destas historias, case todas reais, que pretenden concienciar sobre o enriquecedora que resulta a interculturalidade. As veciñas e os veciños que acudiron á representación saíron encantados.
Como non podía ser doutro xeito, entre eles atopábase a propia alcaldesa de Ramirás, Pilar López, que puxo de relevo “a importancia da temática destas actividades”, que espera “animen aos concellos de arredor a unírense ao Fondo Galego”. A técnica municipal Susana Selas, pola súa banda, explicou que a idea do programa ‘Ramirás solidario’ xurdiu cando coñeceron de preto as posibilidades que ofrecía o Fondo Galego de Cooperación. “Concedéronnos o espectáculo de contos e a partir de aí decidimos englobalo nun proxecto de solidariedade máis amplo”, apuntou. E é que “as administracións locais achegan algo de cartos pero ao final fanse moitas cousas interesantes”, concluíu. No Concello xa están pensando nunha próxima edición de ‘Ramirás solidario. Porque o mundo pode ser un lugar mellor para tod@s’.